PASEARTE

TERCEIRA MOSTRA DE ARTE NOS ESCAPARATES DE SANTIAGO CENTRO

DO 5 DE DECEMBRO DE 2019 AO 5 DE XANEIRO DE 2020

 

Medio cento de comercios, de todos os tamaños e sectores, exhiben as obras doutros tantos artistas en diferentes disciplinas, mostrando pintura, escultura, fotografía ou mesmo instalacións ad hoc para os escaparates. A selección e adaptación das obras para cada espazo foi realizada polas galerías compostelás Trinta, Nordés, Metro e Luisa Pita, que sacan os seus fondos ás rúas e contribúen a dar visibilidade ao seu importante labor, así como a divulgar entre o gran público a obra dos artistas que representan.

Pasearte inclúe ademais unha ampla programación transversal, con obradoiros, charlas, encontros ou accións artísticas en vivo para disfrutar da arte en diferentes formatos.

Javier Blanco Lado (Compostela 1961), xestor cultural e director da galería METRO é o comisario da mostra, que se realiza coa  colaboración da Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia; a Deputación da Coruña; e o Concello de Santiago, co patrocinio de Jael Joyería, Grupo Ulla e Quatrium.