NOVAS

A ARTE CONTEMPORÁNEA VOLVE AOS ESCAPARATES DE SANTIAGO CENTRO DA MAN DE PASEARTE

Sesenta comercios do Ensanche de Compostela participan este ano na terceira edición de PASEARTE, a Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago, que comeza o xoves 5. Santiago Centro, Área Comercial volve apostar pola arte e a cultura nunhas datas especialmente importantes para o sector, e organiza a exposición urbana en colaboración coas galerías Luisa Pita, Nordés, Metro e Trinta, co patrocinio de Jael Joyería, Grupo Ulla e Quatrium Inmobiliaria e o apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. Talleres para familias, visitas guiadas e intervencións artísticas en vivo complementan a programación dunha cita que se consolida no calendario cultural galego.

Pasearte é unha mostra que busca achegar á cidadanía o traballo de artistas e galeristas, ao tempo que atrae ao público ao Ensanche compostelán nunhas datas, as do Nadal, clave para o comercio local. O comisario da mostra é Javier Blanco Lado, que foi o encargado de integrar as obras de arte nos escaparates, en colaboración con establecementos e galerías. Nesta edición son 60 as obras que se amosan, creadas por outros tantos artistas de primeiro nivel e emerxentes.

“Sempre tivemos claro que o Ensanche ten que distinguirse do resto das zonas comerciais de Galicia e apostamos pola arte para conseguilo, porque é un feito diferencial que proxecta prestixio e unha imaxe renovada”, afirma José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro. O Centro Comercial Aberto usa os escaparates e as rúas como espazo expositivo aberto e accesible a todo o mundo, e consegue combinar as forzas de artistas, galeristas e comerciantes no proceso. De feito, este ano moitas das obras foron especialmente proxectadas para integrarse nos expositores comerciais, o que engade interese á mostra.

PROGRAMACIÓN

En paralelo á exposición de obras levarase a cabo unha programación transversal con obradoiros familiares que se celebrarán no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e no Centro Galego de Arte Contemporánea, que se incorpora como colaborador da iniciativa. Tamén se realizarán visitas guiadas á exposición, ás galerías participantes e ao propio CGAC.