Intervencións artísticas de Rosendo Cid, Olmo Blanco e David Planas abren mañá, mércores 6 de abril, a programación de arte ao vivo de PASEARTE, a Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago. Os artistas crearán en directo e á vista do público obras pensadas especificamente para as vidreiras comerciais nas que se integran, permitindo a veciños e visitantes coñecer de primeira man o proceso creativo. Pasearte, que abriu o pasado venres, conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago.
Os artistas actuarán sobre os escaparates durante toda a xornada. Estes son os horarios de comezo dos traballos:
· Rosendo Cid. 12 h. Real Aeroclub de Santiago (rúa Xeneral Pardiñas, 34).
Dende os seus inicios Rosendo Cid (Ourense, 1974) traballa indistintamente en escultura, fotografía, collage, debuxo ou práctica textual, combinándoas en moitas das súas exposicións e proxectos cos que as súas narrativas varían entre as máis poéticas ou as máis críticas ou aqueles que reflexionan sobre o proceso artístico ou a idea do esbozo. O seu método de traballo nútrese con probas constantes, como se fose un diario do cal xorden algunhas das súas series, que sempre mantén abertas. O seu traballo fala de que cada obxecto ou imaxe é capaz de transformarse nunha outra realidade, mostrando as diferentes formas de entender, de ser e de situarse ante o mundo e ante a arte.
· Olmo Blanco. 12 h . Lakú (rúa Xeneral Pardiñas, 21)
Olmo Blanco (Santiago de Compostela, 1982) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e co-director do FAC Peregrina, espazo de proxectos artísticos autoxestionados. O seu traballo está baseado no concepto «instalodecoración», un termo acuñado por el e que se refire á versión pobre de luxosas decoracións. Nun traballo laborioso de traballo baseado na repetición de códigos ornamentais, o debuxo desenvólvese no espazo e fai referencia a esquemas decorativos de tipo xeométrico, relacionados coas decoracións clásicas, e reflexiona sobre cuestións como a asimilación de influencias externas, a pobreza ou o falso luxo, a artesanía e a arte, a versión e o orixinal ou o pasado e o presente. Hai que destacar as súa instalodecoracións en paredes, chans, obxectos de uso cotián ou residuos ou debuxos sobre po.
· David Planas. 17 h. Quatrium (rúa Xeneral Pardiñas, 10-16)
Artista multifacético que, en cada peza ou instalación, configura e usa diferentes elementos, ás veces creados por el mesmo e noutros casos tomados do seu contexto habitual, que posúen un sabor infantil marcado que atrae pontes cara a lecturas oníricas e desenfadadas e que contribúen a que o espectador se achegue á obra, revelando os elementos e as historias que concorren nela. David Planas formouse na Escola Profesional de Arte Juan Pablo Duarte e na Escola Nacional de Artes Plásticas de La Habana. Trasládase a vivir en España, establecéndose na capital galega onde desenvolve a súa obra realizando varias exposicións individuais e colectivas. As súas obras forman parte de exposicións colectivas en diferentes países como Alemania, Italia, Bulgaria e EE. UU.
Medio centro de comercios do Ensanche de Compostela participan este ano na cuarta edición de PASEARTE. Santiago Centro, Área Comercial volve apostar pola arte e a cultura desta vez en primavera, animando a veciños e visitantes a pasear pola zona nova coñecendo o traballo de artistas e galeristas e a mellor oferta comercial da cidade. Nesta edición son unhas 50 as obras que se amosan, pertencentes ás galerias Metro, Luisa Pita, Trinta e Nordés, e creadas por artistas de primeiro nivel e emerxentes. Entre eles atópanse nomes moi coñecidos como Din Matamoro, Xosé Freixanes, Antonio Murado, Julia Huete ou Pierre Loiuis Geldenhuys.