Pablo Barreiro. Intervención no escaparate

Pablo Barreiro (Meaño, Pontevedra, 1982) é o creador dun traballo escultórico persoal realizado en cerámica, que parte de formas do pasado para resignificalas. A través da creación de composicións como collage de elementos en serie, emprende unha busca de reinterpretación dos procesos de fabricación e de formas en desuso de determinadas pezas estruturais, obxectos cotiáns ou decorativos que leva como modelo. O seu interese por explorar o proceso a través de materiais lévaa moitas veces a atopar no erro un achado en si mesmo, un punto de partida para experimentar e conceptualizar novas obras nas que este se incorpora como parte fundamental o traballo. Do mesmo xeito, o concepto de reproducibilidade, a zona de conflito entre o orixinal e a copia e outros termos antagónicos ligados ao feito escultórico son constantes do seu traballo. Malia a serialidade dos elementos que compoñen as súas esculturas, cada un deles está concibido como unha peza única, un aspecto que está reforzado por un carácter próximo ao artesanal.

Galería Nordés
Rúa Algalia de Abaixo 39, baixo
info@galerianordes.com
881 126 446 / 658 044 711
www.galerianordes.com

Xeneral Pardiñas, 31