Pablo Barreiro
S/T. Gres e esmalte azul cobalto. 36x21x27 cm. 2020
Pablo Barreiro (Meaño 1982). Creador dunha obra escultórica persoal feita con cerámica, Pablo Barreiro parte de formas do pasado para resignificalas. A través da creación de composicións en forma de colaxes de elementos seriados, emprende a procura da reinterpretación dos procesos de fabricación e das formas en desuso de determinadas pezas cotiás estruturais, funcionais ou decorativas que toma como modelo. O seu interese por explorar o proceso a través dos materiais lévao a miúdo a atopar no erro un achado en si mesmo, un punto de partida desde o que experimentar e conceptualizar novos traballos nos que se incorpora como parte fundamental da obra.
Así mesmo, o concepto de reproducibilidade, a zona de conflito entre o orixinal e a copia e outros termos antagónicos vinculados ao feito escultórico son constantes na súa obra. A pesar da serieidade dos elementos que conforman as súas esculturas, cada unha delas concíbese como unha peza única, aspecto que se ve reforzado pola súa proximidade á artesanía.
Pablo Barreiro é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca.
Galería Nordés
Rúa Algalia de Abaixo 39, baixo
info@galerianordes.com
881 126 446 / 658 044 711
www.galerianordes.com
Visita a obra en: Xeneral Pardiñas, 28